CRTVG

Buscar

Sacan do coche unha muller e a súa filla despois dunha saída de vía no Pereiro de Aguiar

Publicado o 09/09/2021 14:25

O sinistro ocorreu pouco antes das oito da mañá nunha estrada provincial entre a localidade ourensá de Velle e Sabadelle, no Pereiro de Aguiar. A condutora do coche, unha muller de 35 anos, ía coa súa filla menor camiño do colexio, cando, sen saber moi ben como, perdeu o control do vehículo ao saír dunha curva. Caeu por un pequeno desnivel no monte. Un condutor viu o sinistro e deseguida foi socorrelas.

Ata o lugar desprazouse a Garda Civil de Tráfico de Ourense. Nesa curva son habituais as saídas de vía, sobre todo cando chove. Investigan as causas do sinistro, e a Garda Civil lembra a importancia de extremar as precaucións nas estradas, especialmente cando o tempo é adverso.

Nai e filla viviron momentos de gran tensión porque nun primeiro momento non podían saír do coche por mor da maleza. Por sorte, quedou nun susto, pero nai e filla foron trasladadas en ambulancia ao Complexo Hospitalario de Ourense, aínda que en principio o seu estado non reviste gravidade.

Noticias web

09/09/2021