CRTVG

Buscar

Sabotan con chinchetas un tramo do carril bici na avenida da Pasaxe da Coruña

Publicado o 26/06/2019 12:20

Non é a primeira vez que se poñen chinchetas neste carril bici. No mes de abril ocorreu por primeira vez, pouco despois de porse en funcionamento este carril. 

"Pensamos que é a impotencia dalguén que estaba acostumado a aparcar o seu vehículo privado nesa zona, porque ata o de agora alí aparcaban centos de coches de forma gratuíta. A xente chega a pensar que son prazas de aparcamento cando en realidade é espazo público", di Roberto Rilo, presidente da Asociación de Ciclistas Crunia.

Polo de agora, non houbo feridos, pero si algún susto. Dende a Asociación de Ciclistas Crunia denuncian o acontecido e insisten na gravidade do asunto, pois colocar chatolas no chan non só causa danos nas bicicletas, o ciclista tamén se expón a accidentes.

"Un dos compañeiros que picou o sábado, picou a roda dianteira, é máis perigoso. Se picas na roda traseira aínda podes ter un pouco de control da bicicleta, pero nun descenso, na roda dianteira vas ao chan", afirma Rinlo. 

Ademais, a Asociación trasladaralle ao Concello as súas inquietudes respecto á mobilidade viaria, para tentar mellorar a situación que viven os ciclistas na cidade.

"Que A Coruña se converta nunha cidade para as persoas e non para os coches. Tamén queremos que se reduza a velocidade, que se poña a cidade a 30 por hora, como son as cidades máis avanzadas de España e do mundo", explica. 

A Asociación de Ciclistas Crunia quere visibilizar a gravidade do asunto e esperan que o acontecido non volva pasar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/06/2019