CRTVG

Buscar

Saborosa e a bo prezo, a sardiña anda polos 6 euros o quilo antes de San Xoán

Publicado o 18/06/2019 16:57

Saborosa e a bo prezo. Así está a sardiña cando faltan só cinco días para o San Xoán, segundo as vendedoras da praza de Lugo, na Coruña. Hoxe vendéronas entre seis e seis euros e medio o quilo. Din que polo momento non subiu moito, xa que o ano pasado chegou aos 16 euros o quilo.

A noite meiga achégase e a sardiña xa está: "De sabor está boísima...".

E de prezo din que tamén está moi ben: "Eu véxoa a bo prezo. Vai a seis euros e medio. A semana pasada estivo a cinco e a seis. Eu creo que este ano vai ir a bo prezo".

Malia todo, as vendedoras lamentan a imposición dunha cota límite de quilos por mariñeiro e barco. Amais, din que este ano non coincide ben porque a noite de San Xoán é do domingo ao luns.

"Din os mariñeiros que hai moita no mar, pero se non deixa coller...".

Confían en que haxa moita e non suba demasiado. Lembran que o ano pasado o produto estrela do San Xoán chegara aos 16 euros o quilo, case o triplo de como o venden hoxe.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/06/2019