CRTVG

Buscar

Ás restricións á mobilidade e á convivencia, un duro golpe para o turismo rural

Publicado o 30/10/2020 15:08

"A xente, por un lado, espera a última hora para facer reservas e, por outro lado, tamén se están notando moitísimo as cancelacións polos confinamentos perimetrais e se veu un pouco todo abaixo", di Francisco Almuíña, presidente de FEGATUR e propietario da Casa Romualdo.

Confiaban en salvar esta ponte co turismo interno, cos que escapan das urbes, pero o peche das 7 cidades galegas anunciado hoxe deu ao traste coas expectativas de moitas casas de turismo rural.

"Aguantabamos, digamos co público galego cos clientes galegos pero agora, pois iso, ao estar vendo a situación que se está  desenvolvendo día a día nas cidades pois, algo si que imos tendo pero evidentemente nótase o descenso", comenta Francisco Almuíña, presidente de FEGATUR e propietario da Casa Romualdo.

Ás restricións á mobilidade súmanse tamén as de convivencia, algo que prexudica moito, sobre todo, as casas que se alugan completas.

"A nós persoalmente aféctanos moito máis as de convivencia porque ás veces son grupos de amigos tamén e coa restrición de 5 persoas pois é bastante difícil que coincidan grupos en que conviven máis de 5 persoas xuntos, na mesma casa", conta Jacobo Lorenzo, xerente da Casa das Xacias.

Esta fin de semana dáse xa case por perdida. Preocupa agora a falta de reservas para as pontes que quedan do ano. Todo está no aire e aos propietarios das casas non lles queda outra que facer coma os clientes, esperar a ver que pasa.

Noticias web

30/10/2020