CRTVG

Buscar

Os supervivintes do barco que naufragou na Arxentina van cara a porto

Publicado o 12/07/2018 13:50

Hoxe ás seis da tarde, hora arxentina, está previsto que cheguen a terra nove dos tripulantes que se salvaron do afundimento do Dorneda en augas da Patagonia. Alí continúan as tarefas de busca do desaparecido, nas que participan a Armada arxentina e varios buques, entre eles o Farruco, no que viaxan 14 dos superviventes. As malas condicións climatolóxicas complican a busca, igual que causaron o afundimento da embarcación, que tiña pasado todas as revisións antes de sair ao mar.

Prosegue no Atlántico Sur a busca do tripulante do Dorneda que desapareceu a noite do mércores tras afundirse no océano. Ás seis desta tarde, hora arxentina, está previsto que chegue a Porto Madryn o Beagle 1 cos nove tripulantes que rescatou, e que serán atendidos por persoal da embaixada española en Bos Aires e da oficina consular de Bahía Blanca, que de sempre está ao cabo dos asuntos do sector pesqueiro galego. Dende a cooperativa de armadores de Vigo destacan o bo funcionamento do protocolo de actuación en casos de sinistro, que evitou unha traxedia aínda maior. 

O Dorneda, da armadora Freiremar, afundiuse cando comezaba a pescar en augas internacionais a 308 millas da costa arxentina. No momento do izado do aparello nun dos primeiros lances da pesca, a carga escorregou e abriuse unha vía de auga que anegou a sala de máquinas. Isto paralizou o sistema eléctrico que permite activar o sistema de achique, e o afundimento xa foi irreversible. O que subliñan é a rápida actuación do Farruco, outro barco da mesma empresa armadora do Dornela, que en cinco horas estaba rescatando a parte da tripulación.

Unhas condicións que dificultan a busca do tripulante desaparecido. Segundo Salvamento Marítimo, a tripulación do Dorneda estaba formada por 8 indonesios, 13 peruanos, un marroquí e cinco galegos das zonas do Morrazo e Marín.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/07/2018