CRTVG

Buscar

Rutas guiadas polos parques forestais de Pontevedra cunha finalidade terapéutica

Publicado o 27/07/2020 17:18

Sentir o vento á beira do mar ou gozar do aroma das flores que medran entre as rochas e os prados proporciónanos momentos de benestar que algúns mesmo cualifican de terapéuticos.

Con esa filosofía deron comezo polo cabo Udra as rutas guiadas polos parques forestais de Pontevedra, gratuítas e organizadas pola Deputación. Trátase de conxugar natureza con exercicio e tamén con cultura, e aprender a valorar as árbores, os nosos montes, ás veces tan maltratados.

As rutas guiadas, que se prolongarán ata o 27 de setembro, van transcorrer por 5 parques forestais de Pontevedra: o de cabo Udra; o de Freaza, en Fornelos de Montes; o da Costa de Oia; o da Picaraña en Pontereas; e o de Camposancos, na Guarda.

Só poderán participar 15 persoas por ruta co fin de garantir a seguridade. Para apuntarse ou para ter máis información hai que entrar na páxina web da Deputación de Pontevedra. Non hai que pensalo moito porque quedan moi poucas prazas.

Noticias web

27/07/2020