CRTVG

Buscar

Rusia apoia a reforma constitucional de Putin que lle permite perpetuarse no poder

Publicado o 01/07/2020 22:14
Rusia apoia a reforma constitucional de Putin que lle permite perpetuarse no poder

O 76,4 % dos rusos apoiaron hoxe as emendas constitucionais que permitirían ao presidente, Vladímir Putin, permanecer no Kremlin máis aló de 2024, cando expira o seu actual mandato, segundo o 53,7 % dos votos escrutados, segundo datos oficiais. Fronte ao si maioritario que por agora recolle a Comisión Electoral Central (CEC), o 22,7 % rexeitou a reforma constitucional no plebiscito que se celebrou entre o 25 de xuño e este mércores e no cal a participación ascendeu ao 64,9 %.

A maioría dos rusos que participaron na consulta popular optaron por exercer o seu dereito ao sufraxio nos seis días previos á data principal do plebiscito deste mércores. As autoridades idearon este mecanismo por primeira vez co pretexto de evitar aglomeracións no medio da pandemia da COVID-19, o cal a oposición considera propicio para incorrer en fraude e na manipulación de resultados.

A presidenta da CEC, Ela Pamfílova, dixo nunha confenrecia de prensa que non houbo denuncias de infraccións graves durante o sufraxio e asegurou que só ten coñecemento de "catro" casos en que é posible que se cuestione o resultado do voto por eventuais "violacións" no proceso electoral.

A nova redacción da Constitución rusa inclúe unha serie de emendas -206 en total- sobre cambios na vida política e social do país. Entre as modificacións na Carta Magna destacan a indexación anual das pensións dos rusos, a inclusión de Deus na Constitución, o matrimonio como a unión dun home e unha muller e mais a prohibición de ceder territorio a outros países ou a prevalencia da Lei Fundamental nacional sobre o dereito internacional.

 

Noticias web

01/07/2020