CRTVG

Buscar

Rusia abre negociacións con Alemaña para a venda de Sputnik V

Publicado o 08/04/2021 21:02

O Fondo de Investimento Directo Ruso (FIDR) anunciou hoxe que abriu negociacións con Alemaña para a venda de dose da vacina Sputnik V. "O FIDR iniciou negociacións co Goberno alemán sobre un acordo preliminar para a venda de Sputnik V a Alemaña", sinala o o Twitter o fondo soberano ruso. Hai unhas horas, o ministro de Sanidade de Alemaña, Jens Spahn, asegurou que o seu país estaba disposto a negociar un contrato bilateral co fabricante de Sputnik V. Iso si, precisou que a subministración do preparado ruso se realizaría unha vez que a Axencia Europea do Medicamento (EMA) emitise a correspondente autorización.

Spahn, quen dixo explicar o mércores os plans de Berlín aos seus homólogos da UE, precisou que Rusia "debe fornecer datos" que conduzan á aprobación da vacina Sputnik por parte da EMA. O estado alemán de Baviera anunciou a firma dun preacordo para a compra de 2,5 millóns de doses da vacina rusa, condicionado tamén a que as autoridades europeas aproben o seu uso.

Algúns países da UE expresaron o seu malestar pola tardanza de Bruxelas á hora de aprobar a vacina rusa, algo que hoxe repetiu o chanceler austriaco, Sebastian Kurz. Rusia espera a pronta chegada dunha delegación da EMA, que iniciou a principios de marzo o proceso de avaliación de Sputnik V, un paso que debería conducir a unha licenza para o seu uso en territorio da Unión Europea.

A EMA confirmou esta semana que levará a cabo "unha inspección de boas prácticas clínicas" sobre a forma en que se realizaron os ensaios nos voluntarios con Sputnik, ante a inquedanza de que non se cumpriron os estándares internacionais.

O Goberno ruso expresou hoxe a súa confianza en que Bruxelas aprobe "en breve" a vacina rusa co fin de crear no continente europeo un espazo "que sexa seguro para todos os seus habitantes".

Noticias web

08/04/2021