CRTVG

Buscar

Rull, Turull e Sànchez piden a abstención de JxCat na investidura de Sánchez

Publicado o 27/06/2019 20:04
Rull, Turull e Sànchez piden a abstención de JxCat na investidura de Sánchez

A abstención de Junts per Catalunya (JxCat) que preconizan os seus deputados en prisión preventiva permitiríalle ao socialista Pedro Sánchez superar a investidura, na segunda votación do Congreso, co único apoio de Unidas Podemos, PNV, Partido Rexionalista de Cantabria (PRC) e Compromís, e aínda que os independentistas de Esquerra votasen en contra.

Os deputados de JxCat Jordi Turull e Josep Rull, co apoio do terceiro dos parlamentarios presos do partido, Jordi Sànchez, enviaron unha carta á dirección da formación en que apostan pola abstención no debate de investidura.

Os tres deputados, que se manteñen en prisión provisional esperando a sentenza do Tribunal Supremo, están suspendidos de funcións pola Mesa do Congreso en aplicación da Lei de axuizamento criminal, dado que están procesados por un delito de rebelión. Por tanto, eles non votarán no pleno, pero o que piden é que os outros catro deputados de Junts se absteñan.

A coalición non fixou posición, aínda que o seu portavoz, Laura Borràs, vén dicindo que non se dan as condicións para facilitar a investidura de Pedro Sánchez.

Os argumentos dos presos coinciden co manifestado polo ex-presidente da Generalitat Artur Mas, que recentemente se mostrou partidario de facilitar a investidura de Sánchez como mal menor.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/06/2019