CRTVG

Buscar

Rueda volve reclamar os 700 millóns que lle debe Facenda e os socialistas acúsano de buscar a confrontación

Publicado o 15/09/2019 21:55

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, volve reclamarlle ao Executivo central a transferencia dos 700 millóns que, insiste, lle debe a Galicia en base a diversos conceptos do financiamento autonómico.

"O que queremos é que esta situación de bloqueo acabe canto antes porque cada día que pasa agrave cada vez máis unha situación moi difícil. Ademais, eses ingresos existen, tenos o goberno de España, non son seus, pertencen ás comunidades autónomas, e debe transferilos xa", asegura Alfonso Rueda.

O delegado do Goberno en Galicia acusa a Xunta de buscar confrontación. Lémbralle que os deputados populares votaron non ao teito de gasto e os orzamentos, o que suporía un maior financiamento para Galicia.

"O que está pedindo agora puido arranxalo no seu momento e votou non. Esa é a realidade. A parte disto, o Goberno está en disposición de axudar, de cooperar", responde Javier Losada.

O secretario xeral do PPdeG critica a actitude partidista de Javier Losada e acúsao de non defender os intereses de Galicia.

"O primeiro que debería pedir o que Galicia necesita é o delegado do Goberno en Galicia. Porén, entende que o seu papel é facerlle a pelota ao señor Sánchez e xustificar o inxustificale. Nós lamentamos esa actitude partidista",  engade Miguel Tellado.

O líder dos socialistas galegos cualifica de "teatro" a demanda dos fondos e vincula o desbloqueo á formación dun novo goberno.

"A estratexia do boicot non leva a ningueres. É unha formula política que dificulta que os grandes temas do país poidan resolverse e poidamos avanzar na liña de progreso que os cidadáns trasladaron nas urnas", argumenta Gonzalo Caballero.

A Xunta reclama 330 millóns das achegas a conta pendentes; 200 do IVE e 170 de incentivos por cumprir as regras de estabilidade financeira.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/09/2019