CRTVG

Buscar

Rubén Blanco dálle un punto ao Celta na súa visita ao Wanda Metropolitano

Publicado o 22/09/2019 14:10

Corría o minuto 88, Pione acababa de entrar substituíndo a Iago Aspas e dispuxo dunha boa ocasión para superar a Oblak. Se cadra, non agardaba o centro de Brais Méndez e disparou frouxo. Foi o colofón a un encontro no que o Celta demostrou que mentres non se acopla o ataque, funciona a defensa.

Okay e Rafinha estreáronse coma titulares, os vigueses controlaron o primeiro tempo pero as ocasións foron colchoeiras. E toparon sempre cun gran Rubén Blanco. O porteiro de Mos salvou a cacholada de Felipe logo do saque dunha falta no minuto tres. A calidade celeste no centro do campo impúxose pero non eran quen de atopar a forma de chegar ata Oblak. O Atlético si que enganchou varias contras. Lodi probou cun cacheirolo dende fóra da área, non lle dobrou a man a Rubén. João Félix tentouno logo dun saque dende o curruncho, co mesmo resultado: grande intervención de Rubén Blanco.

No segundo tempo mellorou o Atlético, apostou por dominar un pouco máis o xogo. Un erro do Celta nun pase no centro do campo permitiulle a Koke chantarse na frontal da área e comprobar que Rubén volvera dos vestiarios igual de inspirado. Simeone moveu o banco, meteu músculo e altura, xogou con Morata e Diego Costa. Respostou Escribá con Brais e Pione, non quería pecharse na súa área, buscaba algunha contra para resolver o encontro. Brais puido superar a Oblak logo dun gran pase de Santi Mina ao espazo, pero o asistente erguera a bandeirola sinalando fóra de xogo.

"Satisfeito polo punto, polo esforzo dos xogadores pero quédanos o resaibo de non buscar máis portería no segundo tempo e gañar, que era a idea, pero penso que o punto podemos consideralo bo", explicou o adestrador celeste Fran Escribá.

Un punto no Wanda Metropolitano, o primeiro que cede esta temporada o Atlético na súa casa, un punto para seguir crecendo.

Noticias web

22/09/2019