CRTVG

Buscar

Rozan nun monte de Foz para tratar de dar coa sexaxenaria desaparecida

Publicado o 07/10/2021 14:16

Quinta xornada de busca da muller de 69 anos desaparecida en Fazouro. O dispositivo céntrase agora en tratar de atopala nun monte próximo á súa vivenda. Os efectivos de Protección Civil estiveron a rozar nunha casa en ruínas, mentres que os voluntarios continúan coa busca a pé polas parroquias limítrofes.

"Todo é descartar, xa directamente. Entón estase abrindo unha casa vella que había aí antigamente, xa que ela coñecía a dona, por se se intentara meterse na casa. E despois temos xente a pé, voluntarios, que están rastrexando as zonas de Nois, mirando polas beiravías e polas gabias para ver se conseguimos que Maruja apareza", di Bárbara Ramos, de Protección Civil de Foz.

Unha moto acuática de Protección Civil estivo a buscar a desaparecida polo río Ouro e polo mar, xunto cos mergulladores do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Garda Civil. Malia todo, polo momento os labores non deron froito.

"Veu a moto acuática e subiu río arriba, pero hai moitos eucaliptos atravesados, polo que non puideron pasar e deron volta para abaixo. E despois viñeron dous mergulladores, que estiveron por estes pozos e andaron por aquí mirando, e logo foron para abaixo e dixeron que foran ata o mar, ata a desembocadura da ría". "Andamos por todo e non aparece por ningunha esquina. Fomos cara ao mar e cara á vía do tren, viñeron onte os mergulladores da Garda Civl e nada. A verdade é que xa non sabemos por onde tirar", comentan os veciños.

A Policía Local de Foz, os bombeiros de Barreiros e o Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Cervo tamén colaboran no dispositivo de busca.

Noticias web

07/10/2021