CRTVG

Buscar

Rouban unha emisora de radio en Lalín e o dono dá un prazo de devolución

Publicado o 01/03/2019 14:36

O dono dun campo de xogos de guerra en Lalín denunciou nunha rede social o roubo dunha emisora que servía de decorado nun dos túneles deste campo. Na mensaxe que fixo para avisar entre os afeccionados este tipo de actividades por se lles ofrecen a venda do aparello. Deulles aos ladróns un prazo de 15 días para que o devolvan antes de denuncialos.

Alguén entrou de noite e levou unha emisora de radio que ten un grandísimo valor sentimental para o dono de Lalingrado. Comprouna o seu pai, moi afeccionado á electrónica, alá pola década dos 80.

Juan Manuel Rodríguez, vítima do roubo: "Unha radio que se usa na Mariña en barcos, cando hai un naufraxio tírase ao mar, flota, ela mrsma produce a súa enerxía para emitir. Emite sinais para localizar náufragos, podes falar, leva uns cascos, un micrófono. Produce enerxía e transmite en morse incluso, ten un teclado morse. Era bonita, cos seus reloxos. Chamaba a atención. Só faltou iso".

O aparello estaba, do mesmo xeito ca outros, formando parte da decoración do campo de xogo que ten cinco hectáreas. Aos ladróns lanzoulles, a través das redes sociais, un aviso. Dálles dúas semanas de prazo como máximo de préstamo da emisora e pídelles que a devolvan.

Juan Manuel Rodríguez, vítima do roubo: "Xa o viron máis de 30.000 persoas, estano compartindo. Compartírono cento e pico veces. Hai unha proxección deste tema. Se ese aparato quere ser posto á venda pois vai aparecer. Puxen un aviso de que mo devolvan porque penso que non lle vale a ninguén para nada máis que para que a xente que vén aquí goce de toda a decoración que con todo o agarimo poño eu aquí. Deille dúas semanas porque non quero levar a sorpresa de que vaia ser un coñecido, un amigo, entón iso é duro. Porque é xente que vén aquí, ten que ser así".

Se transcorridos eses 15 días desde o roubo a emisora non está no seu sitio, avisa que dará parte á Garda Civil e presentará denuncia. Considera que cos datos que lles vai dar aos axentes poderán atopar os ladróns e avisa que, chegado ese punto, revelará a identidade dos que levaron a emisora.

Noticias web

01/03/2019