CRTVG

Buscar

Rouban xoias e cartos nunha igrexa de Redondela

Publicado o 25/02/2020 13:35

O crego da parroquia de Reboreda, en Redondela, decatouse do roubo o sábado cando foi abrir a igrexa para misar. A porta non estaba forzada porque, previamente, alguén se apoderara das chaves que estaban na casa reitoral. Pero a alarma estaba desconectada. Logo soubo que os intrusos a desactivaran o xoves, contra as nove e media da noite. Cando chegou á sancristía, atopou un dos armarios aberto e todo revolto. 

Carlos Rodríguez, párroco de Reboreda: "Neste armario encaixado gardaba as xoias da Virxe, fundamentalmente cadeas, pulseiras, aneis, pendentes, de ouro e de prata. Eran bastantes e hai un inventario feito. O que non hai é unha reportaxe fotográfica". 

Os asaltantes apoderáronse duns 900 euros en metálico das colectas que se levaban feito desde xaneiro. Pero o que máis lle doe ao párroco é que levaran as xoias doadas polos fregueses durante décadas.

Carlos Rodríguez, párroco de Reboreda: "Todas doadas polos veciños e polos devotos da Virxe e eso é o que realmente se perde. Non xa polo valor material en si, que tamén é, moito máis polo sentimento que se garda detrás deles".

O sacerdote emociónase pola perda que deixa este roubo na parroquia. Así e todo non perde a esperanza de que o traballo da policía dea resultado e se poida recuperar parte do botín que levaron os ladróns.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/02/2020