CRTVG

Buscar

Rouban un coche na Estrada e asaltan dous negocios

Publicado o 19/11/2019 14:08

Na gasolineira SBC situada preto da vila da Estrada foi onde deixaron rexistrada a súa imaxe e acción tres individuos que o domingo á noite, xa na primeira hora do luns, emprenderon unha sesión de falcatrúas que acabaron en Santiago. Tras roubaren o coche na Estrada, detivéronse na gasolineira. A máquina que cambia as moedas para utilizar os servizos de lavado foi o obxectivo. Baixaron con diversas ferramentas, coas que mesmo se estorbaban na acción, arrincaron a máquina e marcharon con ela. Dentro tería como moito cincuenta euros, segundo a propiedade, e o valor da máquina é duns cincocentos.

Nuns dez minutos chegaron a Pontevea. O seu obxectivo foi este bar situado na rúa do Castro. Fixeron panca nunha folla da porta e un deles foi pola caixa rexistradora.

Jesús Cajaraville, propietario do bar asaltado conta que "á unha e media marchan e hai cámaras que os rexistraron á 1h58 e, nada, ata as sete da mañá do luns que me chamaron para dicirme que estaba a porta aberta.

- Que levaron?, preguntámoslle ao dono. "En principio non levaron nada. Normalmente xa non deixamos nada, porque aquí en 2017 entraron dúas veces en quince días e xa non deixamos nada. Logo, a comecartos queda gardada e protexida. Andaron na caixa rexistradora, pero non levaron nada, porque non había nada. Había algunhas moedas e aí quedaron".

Sospéitase que os mesmos tres encarapuchados tentaron roubar outro coche na rúa principal de Pontevea. Deixáronlle estragos, pero non o conseguiron, polo que continuaron a súa ruta a Santiago no coche que roubaran na Estrada. Ao chegaren a Santa Lucía decidiron abandonalo nunha leira. Un repartidor de prensa viuno no medio da leira aínda co motor en marcha, pero sen rastro do botín nin dos seus usuarios.

Noticias web

19/11/2019