CRTVG

Buscar

Rouban un camión e ferralla valorada en dez mil euros en Carballo

Publicado o 16/08/2019 13:29

Roubaron un camión Volvo e ferralla procesada valorada en 10.000 euros dunha empresa de Bértoa en Carballo. Unha ou varias persoas entraron nas instalacións de Ferros Varela Urbieta e empregaron o vehículo para perpetrar o delito. O camión apareceu ao día seguinte nun monte próximo.

A Garda Civil de Carballo investiga o roubo dun camión e de gran cantidade de ferralla das instalacións dunha empresa do polígono de Bértoa. O ladrón ou ladróns actuaron de madrugada. Accederon ás instalacións de Ferros Varela Urbieta. No exterior había un camión da marca Volvo, e ao seu lado ferralla procesada, cun valor de mercado de 10.000 euros. Todo desapareceu.

A Garda Civil iniciou unha investigación para dar co paradoiro do vehículo pesado e da mercadoría. Ao día seguinte do roubo un particular alertou ao instituto armado da presenza dun camión abandonado nun monte de eucaliptos situado en Xoane, a poucos quilómetros da vila. Unha patrulla acudiu ao lugar e comprobou que se trataba do camión roubado. Da ferralla procesada, nin rastro. As primeiras hipóteses apuntan a que quen accedeu ás instalacións utilizaron o camión para levar a chatarra e posteriormente deixalo abandonado no monte.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/08/2019