CRTVG

Buscar

Rouban polo método do buraco cun ciruíto de karts no concello do Pereiro de Aguiar

Publicado o 25/09/2020 14:17

Foi a central de alarmas a que deu aviso de que alguén estaba roubando neste circuíto de karts situado no concello ourensán do Pereiro de Aguiar. Ocorreu de madrugada, e cando chegou o dono xa viu a desfeita, fixeran un grande buraco na parede para entrar ás instalacións.

Unha vez dentro, remexérono todo, buscaban cartos, roubaron un ordenador e arrincaron a caixa rexistradora, pero dentro só había, di o dono, uns 100 euros. O peor, asegura, son os importantes danos materais que causaron, valorados en máis de 1.300 euros.

A Garda Civil de Ourense estivo xa inspeccionando as instalacións na busca de probas. Había cámaras de seguridade que puideron gravar o momento do roubo. Todo apunta a que se trata de profesionais porque non deixaron pegadas. Ían con capuchas na capeza e coa cara tapada, pero agardan que as imaxes poidan axudar a dar cos ladróns.

Con este é xa o terceiro roubo que cometen empregando o chamado método do buraco en empresas da provincia de Ourense nos últimos dez días. Un foi nunha empresa de transporte onde levaron uns 1.200 euros. E tamén roubaron outros 1.500 euros nunha nave industrial de Ribadavia.

Noticias web

25/09/2020