CRTVG

Buscar

Rouban nunha casa de Vilanova de Arousa aproveitando a saída dos donos

Publicado o 06/12/2019 13:51

En Vilanova de Arousa asaltaron unha vivenda pola noitiña aproveitando que os seus moradores saíran.
Os ladróns remexeron parte de casa e levaron xoias e cartos.

Non remexeron nin roubaron máis porque os donos da casa estiveron a piques de coller os ladróns na allada. É o que se tira despois de oír o relato do asalto a esta vivenda de San Simón, no concello de Vilanova de Arousa.

Os seus moradores ausentáronse da casa o mércores ás sete e media da tarde durante unha hora e algo. Nese tempo dous individuos, supostamente dos autores do roubo, tentaron forzar unha porta lateral pero acabaron entrando por unha ventá da fachada traseira despois de romper o vidro.

Os ladróns remexeron nas estancias da planta alta na procura de obxectos de valor, xoias e de cartos. No baixo non andiveron, presumiblemente, porque tiveron que fuxir ante a volta, para eles inesperada, dos donos á casa.Puideron escapar sen que os viran por onda o peche de tuias. Sucedeu este mércores e as vítimas teñen pendente a avaliación total do diñeiro e obxetos de valor que lles levaron para presentar a denuncia completa, aínda que a garda civil xa fixo as primeiras pescudas no inmoble.

Moi preto da casa, días atrás tentaron roubar no mesón situado enfronte, ao outro lado da estrada. Os autores entraron da mesma maneira; tras romper o vidro dunha ventá. Sen embargo fuxiron axiña e de baleiro, porque ao entraren no establecemento activouse a alarma.

Noticias web

06/12/2019