CRTVG

Buscar

Rouban nos coches cando deixan os fillos na gardería

Publicado o 06/11/2019 13:15

Os ladróns aproveitan os descoidos dos pais e das nais dos pequenos dunha gardería de Vigo para roubar nos seus vehículos. O ladrón ou ladróns actúan en apenas cinco minutos. Rompen a fiestra e levan consigo as pertenzas de valor que se deixan no coche por mor das présas.

Aconteceu nunha gardería da zona do Castro en Vigo. Nas últimas semanas xa se denunciaron dous casos.

Os dous roubos producíronse a plena luz do día cando un pai e unha nai ían deixar os seus fillos nesta gardería da contorna do Castro, en Vigo. En apenas cinco minutos, o tempo que tardaron en entrar e saír do centro escolar, o ladrón ou ladróns xa lles roubaran no interior do seu coche tras romperlle a ventá.

Aprovéitanse das présas e dos descoidos dos proxenitores para roubor o bolso, o móbil, a carteira e mesmo un ordenador portátil. Algún pai ou nai ata recoñecen esquecerse de pechar o seu vehículo. Por iso, dende a dirección desta gardería xa avisaron cunha circular deste perigo, das súas consecuencias e das precaucións.

A zona é un lugar moi transitado e cunha grande presenza policial por estar moi cerca do Concello. Dende a propia gardería, que non quixeron facer declaracións a cámara, dixéronnos que os ladróns deben estar vixiando os proxenitores para despois fuxir nalgún vehículo eléctrico.

Porque esta situación xa pasou hai uns meses ás portas doutras garderías da contorna de Vigo. O modus operandi era o mesmo. Os dous roubos xa foron denunciados perante a Policía Nacional, que investiga o sucedido.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/11/2019