CRTVG

Buscar

Rouban na mesma noite en dous bares de Sarria

Publicado o 25/02/2020 13:52

Nunha das cafetería asaltadas de Sarria xa repuxeron o cristal da entrada, pero na porta seguen as pegadas dos estragos que provocaron os ladróns para acceder ao seu interior. Foi unha noite movida para os amigos do alleo, que comezaba co roubo a poucos metros de ali dun coche que estaba apracado na rúa. Con el dirixíronse primeiro á cafetería.

Tras rebentar a porta foron a caixa rexistradora que estaba aberta e logo romperon a máquina comecartos. Así o explicaba a dona da cafetería, Yolanda Fontal: "Abriron a porta cunha panca, os cristais estaban rotos, había pegadas por todos lados, e a comecartos rebentada. Hai cartos dos nenos nos botes e non tocaron nada. O que lles deu tempo".

Actuaron rápido e coa alarma soando. Tras este asalto seguiron o seu periplo delituoso ata unha rúa próxima e entraron nun bar. Igual ca no anterior foron polos cartos da caixa rexistradora e rebentaron a máquina comecartos. De momento non saben a contía do botín, pero cren que foi elevado, xa que nos dous establecementos iban a facer a recadación da máquinas comecartos, polo que estaban cheas. Así o manifestou a dona da cafetería: "O que máis levaron foi da comecartos, debían estar ben informados de que iba facerse a recadación da máquina. Eu creo que é xente coñecida".

Xa co botin nas mans fuxiron no mesmo coche que roubaran. O vehículo aparecía pola mañá nunha leira no concello veciño de O Corgo, xunto a él as caixas das máquinas comecartos. A Garda Civil xa investiga os dos roubos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/02/2020