CRTVG

Buscar

Rouban mercadoría conxelada e cartos en metálico nunha taberna de Rois

Publicado o 22/01/2020 14:22

Na Taberna Angueira, localizada na parroquia roisense de Aguasantas, xa é a terceira vez que entran a roubar nun período de escasos tres meses. Nas anteriores ocasións, os autores do furto só levaran algo de mercadoría do almacén, polo que os donos do establecemento non denunciaron. Pero tras o último roubo, ocorrido hai só uns días, no que tamén saquearon a caixa do local, decidiron interpoñer unha denuncia.

Os propietarios din que aínda non está cuantificado o valor das perdas materiais tras o suceso. Ademais de romper varias portas e levar cartos en metálico, os autores do furto marcharon con polbo, carne e varias caixas de marisco conxelado.

Porén, esta taberna non foi a única afectada polos roubos no concello de Rois. A uns poucos quilómetros, na igrexa parroquial de San Mamede, forzaron unha porta lateral, aínda que finalmente non conseguiron entrar. Ao carón desta, no local dunha das asociacións veciñais do concello, romperon o cristal da porta principal e outra das portas interiores. Neste caso, accederon ao recinto, pero, quizais ao non atopar nada que lles resultase de valor, marcharon coas mans baleiras.

Os veciños din que isto se está a repetir de xeito reiterado pola zona e agardan que a vaga de roubos pare canto antes. Polo de agora, aínda non hai detidos, pero a Garda Civil continúa investigando para esclarecer a autoría dos roubos.

Noticias web

22/01/2020