CRTVG

Buscar

Rouban máis de 5.000 euros do Alondras C.F. que estaban no coche da secretaria

Publicado o 03/04/2019 14:30

María Jesús aínda ten o susto metido no corpo. Ía a ximnasia nas inmediacións do campo do Alondras, á primeira hora da mañá deste martes, e de súpeto alguén do club avisouna de que a ventá do seu coche estaba rota.

No maleteiro do seu coche gardaba a recadación da cantina, as cotas dalgúns socios, o diñeiro das rifas vendidas polos nenos do Alondras para financiar material e viaxes, pero tamén os pagos do mes para os adestradores. En total, máis de 5.000 euros.

Un duro golpe para o club e tamén para ela, que leva máis de 40 anos como directiva do Alondras. En todo este tempo, padeceron varios roubos nas oficinas. Cren que alguén a estaba vixiando e sabía os seus movementos.

Este duro golpe chega nun momento complicado para o club, que afronta a súa fase de ascenso a finais de temporada. Aínda que María Jesús xa recibiu o apoio de toda a directiva e dos socios, segue conmocionada.

Os feitos xa foron denunciados perante a Garda Civil, e cren que alguén dos arredores puido ser o responsable deste roubo.

Noticias web

03/04/2019