CRTVG

Buscar

Rouban e queiman a furgoneta dunha asociación de inclusión social de Pontevedra

Publicado o 16/10/2019 13:27

Así quedou a furgoneta da asociación pontevedresa Boa Vida, que traballa pola inclusión social. Uns descoñecidos roubárona de diante dun dos locais da asociación e apareceu aquí, preto do polígono do Vao, a madrugada do martes. Foi un veciño o que avisou os bombeiros, porque estaba ardendo. 

Pepa Vázquez, presidente da asociación Boa Vida: "Estamos en shock. Non se nos pasou pola cabeza algo así. Para nós, que cada céntimo e cada minuto de tempo conta tanto, é moi doloroso".

Dentro do vehículo había un moble listo para entregar valorado en 40 euros que tamén ardeu. Pero a furgoneta utilizábase para recoller útiles e trasladalos á tenda da asociación no centro de Pontevedra, e resulta imprescindible repoñela. Están a facer unha recollida de fondos a través da súa páxina web boavida.org. 

Pepa Vázquez, presidente da asociación Boa Vida: "Estamos facendo un chamamento a ver se entre 500 persoas, con 10 euros cada persoa, chegamos aos 5.000 que necesitamos para volver empezar. Imos pelexar para conseguilo e seguir dándolle traballo á xente que o precisa, xente de Pontevedra que está en risco de exclusión social".

A Policía Nacional recolleu a denuncia da asociación e investiga varios intentos de roubos similares.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/10/2019