CRTVG

Buscar

Rouban dúas veces a recadación de varias excursións nun colexio da Laracha

Publicado o 07/05/2019 14:38

En menos dun mes, o colexio Otero Pedrayo da Laracha sufriu dous roubos. O último, esta fin de semana. Os ladróns entraron pola ventá dunha aula situada na planta baixa e forzaron tres portas ata que chegaron ao lugar onde se atopaban os cartos recadados de varias excursións. Unha caixa forte duns 30 quilos, segundo contan.

Os dous furtos suman 5.000 euros en total. Sospeitan que se trata de alguén que coñece ben as instalacións, xa que en ambas as dúas ocasións dirixíronse onde estaban gardados os cartos.

Agora o colexio pensa instalar alarmas de seguridade, coas que xa conta nalgún dos edificios. Esta situación, din, espertou intranquilidade entre os cativos, e mesmo a actividade docente se viu alterada polos danos que deixaron os ladróns na aula pola que entraron. A policía xa está a investigar as pegadas para identificar os autores.

Noticias web

07/05/2019