CRTVG

Buscar

Rouban dúas pedras gravadas no paseo do Sarela

Publicado o 30/06/2020 14:03

Hai máis de tres décadas que nun sendeiro, a carón do río Sarela, se pode atopar un conxunto pétreo, cuxa autoría aínda é un misterio. Varias pedras gravadas con rostros e figuras que forman parte, segundo din os veciños, do patrimonio local do barrio.

Jon Brokenbrow, presidente da Asociación Veciñal Río Sarela, di que foron gravadas hai máis de 30 anos por algún residente do lugar, e asegura que para eles "teñen moito valor, moita importancia".

Dúas das pedras, as de menor tamaño, foron recentemente subtraídas do lugar.

"Trátase dunha pedra con figuras xeométricas, e outra que ten a forma dun peixe", explica Brokenbrow.

Os veciños recoñecen que as pedras non teñen un valor histórico excepcional. Pero reivindícanas como patrimonio local de todos. E fan un chamamento para que sexan devoltas ao seu lugar.

Non teñen unha antigüidade destacada, pero non deixa de ser un patrimonio, importante para os veciños, segundo explica Ana Castro, perita taxadora en arte e antigüidades, e socia de Apatrigal.

"Ademais, é un patrimonio alleo. Hai que ter conciencia social colectiva, teñan o valor que teñan as pezas", conclúe.  

Un patrimonio colectivo que agora podería estar decorando un xardín privado, e que os veciños da zona esixen recuperar.

Noticias web

30/06/2020