CRTVG

Buscar

Rouban dous cisnes negros en Mina Mercedes, no concello de Valga

Publicado o 30/04/2019 13:39

Xosé Ferro é membro de Protección Civil de Valga e un apaixonado das aves. Encárgase de alimentar os parrulos e os cisnes que lle dan vida a esta lagoa Mina Mercedes, unha das zonas recreativas máis frecuentadas da localidade. Hai meses que logrou convencer o goberno municipal para adquirir dúas parellas de cisnes: unha branca e outra negra, para enriquecer esta paraxe natural. El mesmo os coidou con mimo durante o período de adaptación ata que os puideron liberar hai 15 días na lagoa. Pouco lle durou a alegría.

Xosé Ferro. Protección Civil de Valga: "Notamos a falta este domingo, pola tarde, supoño que os collerían pola noite o sábado. Probablemente que os colleron cunha rede, que lla botaron por enriba, porque doutra maneira non creo que os collan sen ser así cunha rede. Non sabemos se é para negocio ou alguén que lle gustan, e non sabemos".

Non é a primeira vez que sucede algo así. Xa desapareceu un cisne macho branco a comezos de ano e mesmo ovos de cría tempo atrás. Nin Xosé, nin os veciños, que recoñecen o gran labor que el desempeña no coidado das aves e da lagoa, entenden a actitude de quen puidera cometer tal falcatruada.

Os veciños din:
"Non podemos ter nada, de verdade, este home que se mata vivo que ata que os conseguí, atraelos, apara aparellalos que os estivo aparellando na base, o traballo que tal leva, e mira como está ese home. Non pode ser, non podemos ter nada. Mira que pasa por aqui que temos unha marabilla, que se o coidáramos un pouco, isto é unha delicia, e nada nonsei porq eu nin por que non".

"A min paréceme fatal, os animaliños non lle fan mal a ninguén. Ademais que é unha cousa bonita para a Mina Mercedes. Eu son de aquí do lado, pero hai moita xente que ven pasear e pasar un anaco e sempre ve a naturaleza non?".

Os animais teñen microchip que os identifica en caso de atopalos, pero carecen de GPS para poder localizalos. Por iso, desta volta o Concello de Valga presentou denuncia na Garda Civil e no Seprona, e piden colaboración cidadá para dar cos animais ou quen os puido levar.

Xosé Ferro, membro de Protección Civil de Valga: "A colaboración da xente, se alguen sabe algo ou veu algo que nos avisen".

Xosé séntese frustrado pola perda dos animais que tanto coidou e agora non lle quita ollo á parella de cisnes brancos que queda na lagoa por se corren a mesma sorte.

Noticias web

30/04/2019