CRTVG

Buscar

Rouban catro chalés na mesma tarde no Pereiro de Aguiar

Publicado o 07/02/2019 13:40

Catro chalés asaltados nunha tarde, un detrás doutro. Pasou nunha urbanización do concello ourensán do Pereiro de Aguiar. Os ladróns sabían por onde entrar sen que soaran as alarmas, e utilizaron un sofisticado sistema para acceder ás casas sen facer o menor ruído. Levaron xoias e cartos en efectivo.

Catro de cinco. Todos os chalés da man dereita, nesta urbanización do concello do Pereiro de Aguiar, recibiron a visita dos ladróns nunha mesma tarde. Descartaron o único en que había xente a esas horas.

"Entrei e estaba a ventá rota, todo revolto... Tamén entraron nese, nese e naquel", di un dos afectados.

"Foi en catro á vez, así que tivo que ser un grupo, non unha persoa soa. Sabían que abaixo había alarma e non baixaron", aclara outro veciño.

Entraron desde a parte de atrás, fóra do campo de visión dos veciños que si estaban nas súas casas. E fixérono polos pisos superiores, para evitar as alarmas, e mediante un sistema novo para as forzas de seguridade:

"Veu a Policía Xudicial e dixo que nunca viran isto, que son profesionais. As ventás son de seguridade e, en vez de rompelas, fan un burato, meten un arame e abren o pestillo. Como non fan ruído nin nada, marchan cando queren". 

Un dos afectados denunciou perdas de 6.400 euros en xoias. Tamén roubaron cartos en efectivo, en cantidades aínda sen determinar. Os veciños da zona lamentan que non haxa máis vixilancia.

No memo día, houbo denuncias por roubos nesta urbanización, tamén do Pereiro de Aguiar, e noutras dúas vivendas de Piñor, en Barbadás. A Garda Civil investiga se están relacionados.

Noticias web

07/02/2019