CRTVG

Buscar

Rouban a pía bautismal dun adro en Brión

Publicado o 21/01/2020 14:03

A pía bautismal que estaba sobre este pé de muíño no lateral dereito da igrexa dos Ánxeles, en Brión, desapareceu de aquí a finais da semana pasada. Esta é unha foto dela, porque levaba así uns corenta anos, segundo testemuñas, despois de que fora utilizada de maseira para a besta do cura. A pía estaba chea de terra e, quen a levaron, baleirárona aquí mesmo.

Foi, precisamente, isto o que chamou a atención de Pepe, un dos primeiros veciños que a botou en falta.

"Iso tivo que ser a noite de chuvia, porque estaba a terra lavada tivo que ser do xoves para o venres. Unha lástima. Dicían que era da outra igrexa, da antiga igrexa de Santa María de Perros".

A pía está sen datar, pero se procede do templo románico que había onde logo se construíu este que data do século XVII, a peza de peza ten un valor importante. Ademais da historia que representa para os veciños da parroquia brionesa. Nos últimos corenta anos ninguén reparou nela. Agora os veciños quéixanse de que a roubaran.

Así avalía o feito José: "Paréceme mal. É recordo da parroquia. Aí bautizaríanse os primeiros nenos, desde hai 300 anos ou máis".

Polo de agora ninguén denunciou o roubo da pía, supostamente, obra de dúas persoas polo menos. "Setenta centímetros de ancho e corenta e cinco... a medio metro non chegaba. Pesar aínda pesaba. Un só non a levou, eh. Máis de oitenta quilos pesaría, se non pesaba cen".

Pepe di que ante isto, faría falla volver ao interior da igrexa estoutra pía que, segundo nos conta, púxerona fóra para reemprazala por unha de mármore doada por uns veciños.

Noticias web

21/01/2020