CRTVG

Buscar

Rouban a minimoto e o equipamento de competición dun neno de 7 anos na Coruña

Publicado o 20/02/2019 14:40

Daniel Rey acudía hoxe ao taller para reparar os cristais e pechaduras da furgoneta en que o venres gardou a minimoto e o equipamento do seu fillo de sete anos cos que ao día seguinte ía ir adestrarse. Esa mesma noite roubáronlle todo neste aparcadoiro da avenida de Glasgow da Coruña.

"Tiñamos todo gardado na furgoneta e tiñamos todo preparado para adestrarse o día seguinte e cando nos levantamos pola mañá nos levaran todo. A moto e a equipación completa do neno, casco, guantes, botas, proteccions..., todo levaron todo", di Daniel Rey, pai de Yael.

Yael é piloto, compite no Campionato galego de minimotos e fai exhibicións para custear os 2.500 euros que lle custou a equipación. Tras o roubo, ademais do desgusto, non pode adestrarse nin tampouco asistir ás probas que tiña nestas datas.

"É un material moi caro e o neno está moi desgustado porque o neno dedícase a fecer exhibicións por Galicia, facemos eventos e co pouquiño que vai gañanado invísteo todo nas motos, entón estamos amolados porque non podemos repoñerlle agora mesmo o material e o neno atópase con que lle faltan todas as súas cousas. Non podemos adestrar, non podemos competir, non podemos facer nada. Iamos ir esta fin de semana facer os test do campeinato galego UFT teaming e xa non podemos asistir. A próxima fin de semana tiñamos as probas de selección da copa Dani Rivas e xa non podemos ir", asegura Daniel Rey, pai de Yael.

Daniel di que non entende para que queren a moto e o equipamento, xa que é tan específico que será difícil de vender no mercado de segunda man.

"A morto xa é unha moto moi específica, non é unha minimoto común, é unha Polini 910, xa é específica para nenos para correr, está adaptada para Yael porque é un neno un pouco máis grande e está adaptada para el, e a roupa igual, está toda máis ou menos personalizada. Entón non sabemos o uso que lle queren dar ou para que o fixeron, porque realmente non lles vale para nada. A nós válenos moito pero para outra xente non vale para nada porque é específica para este neno", asegura Daniel Rey, pai de Yael.

Tras coñecerse o roubo, as redes sociais centráronse en Yael. A asociación moteira os Huevóns Ruteiros á que pertence abriu unha conta para recadar fondos e poder axudar a familia de Yael a mercar unha nova moto e equipamento. Piden que se alguén a ve se poña en contacto con el ou coa policía.

Noticias web

20/02/2019