CRTVG

Buscar

Rouban dous octoxenarios de Monforte na súa casa facéndose pasar por policías

Publicado o 24/12/2019 14:03

Amosaron unha placa falsa da policía e dixeron que ían realizar un rexistro. Así accederon a esta vivenda de Minas de Freixo, en Monforte, os tres individuos que a asaltaron. Na casa reside un matrimonio de octoxenarios. O dono desconfiou dos falsos policías e quixo facer unha chamada, pero quitáronlle e romperon o teléfono móbil e, posteriormente, tamén o fixo. Unha vez dentro do inmoble, un dos asaltantes retivo na cociña por espazo de dúas horas o matrimonio, mentres os outros dous remexían todos os cuartos da casa na procura de diñeiro. Leváronlle 900 euros en metálico e diferentes documentos dunha carteira.

Visiblemente afectado, o dono da vivenda non quixo facer declaracións á cámara, pero describiu os asaltantes como un individuo duns 60 anos e outros dous duns trinta. Todos de pel escura e que falaban en castelán. Tamén cre que os ladróns tiñan vixiada a vivenda porque aproveitaron o día en que non estaba a sanitaria que atende a súa muller, enferma de alzhéimer. Ademais, sabían que podían actuar con impunidade e a plena luz do día xa que na contorna non hai veciños, por tratarse dun lugar moi illado. De feito, deixaron o coche a pouca distancia, pero a suficiente para que as vítimas non puidesen ver a matrícula.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/12/2019

Máis sobre Monforte de Lemos