CRTVG

Buscar

Rouban 20.000 euros nas oficinas do porto de Marín

Publicado o 30/01/2019 14:35

A Policía Nacional investiga o roubo de 20.000 euros en efectivo nas oficinas que varios exportadores comparten nunha nave do porto de Marín. Os ladróns forzaron a porta de acceso e levaron o botín na fin de semana. O roubo espertou as queixas dalgúns usuarios do recinto sobre a falta de seguridade. A Autoridade Portuaria asegura que teñen en marcha desde o ano pasado un proxecto de mellora da vixilancia e control nas instalacións, que conta cun orzamento de medio millón de euros.

Nun roubo nunha nave do porto de Marín, os ladróns levaron un botín de 20.000 euros.
O roubo produciuse na fin de semana, pero non se sabe o momento exacto. Nunha rolda de vixilancia rutineira, a Policía Portuaria detectou que a porta de acceso dunha nave estaba forzada. Alertaron os responsables e cando chegaron confirmaron os peores presaxios: alguén entrara nas oficinas que comparten varios exportadores e levaran un botín nada desdeñable: 20.000 euros en efectivo.

Un do afectados polo roubo foi o patrón maior da confraría de pescadores Santa María de Marín. As vítimas presentaron denuncia na comisaría da Policía Nacional que investiga o roubo, pero, polo momento, non hai novidades nas pescudas.

O roubo suscitou as queixas dalgúns usuarios do porto polas supostas eivas de seguridade nas instalacións. Ante esas denuncias, desde a Autoridade Portuaria de Marín manifestaron que desde o ano pasado teñen un marcha un proxecto de mellora da seguridade e control de acceso de veículos e persoas no recinto portuario. Un proxecto en que se vai investir medio millón de euros e que tamén inclúe a mellora do sistema de videovixilancia e a instalación de máis cámaras.

Noticias web

30/01/2019