CRTVG

Buscar

Rouban 20.000 euros e xoias nunha casa en Cortegada

Publicado o 22/10/2019 14:11
Rouban 20.000 euros e xoias nunha casa en Cortegada

O dono, un home de 74 anos que vive só, saíra pola mañá facer unhas compras a Ribadavia, e cando volveu, contra as tres da tarde, xa descubriu que lle entraran a roubar. Atopou a porta traseira forzada e no interior di que tamén romperon unha porta de madeira para acceder a unha oficina onde tiña gardados os cartos.

Non quixo falar á cámara, pero contounos que atopou todo remexido e ciscado dos armarios. Roubáronlle 20.000 euros que tiña agochados en catro caixóns, ademais de 19.000 pesetas en moedas e billetes. Na aldea de Peralba, no concello ourensán de Cortegada, os veciños din que non se decataron de nada.

O home pensa que os ladróns o tiñan controlado e sospeita que sabían que tiña cartos gardados. Ademais, di que lle roubaron dúas cadeas de ouro, unha de prata e dous aneis de ouro, un selo e unha alianza. Cando descubriu o roubo chamou a Garda Civil, puxo denuncia, e os axentes estiveron na casa para tomar mostras e pegadas que os poidan levar ata o autor ou autores deste roubo. Por agora, nada se sabe, nin dos cartos nin das xoias.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/10/2019