CRTVG

Buscar

Rouban 2.000 palés nunha empresa de Mos e recuperan o 90% deles

Publicado o 03/04/2019 14:24

O roubo foi denunciado a finais do mes de xaneiro polo xerente da empresa de loxística GEFCO, situada no polígono Arrufana en Mos. Adoitan almacenar no exterior da nave os palés e despois dunha fin de semana botaron en falta preto de 2.000, cuxo valor se aproxima aos 24.000 euros. As investigacións da Garda Civil leváronos a unha empresa radicada en Ponteareas e dedicada á mesma actividade. Alí localizaron preto de 1.300 dos palés roubados que o xerente da empresa lles mercara aos autores do roubo, aínda que lles retiraran o selo que identifica a súa procedencia.

Luis Álvarez, capataz da empresa GEFCO: "Parece ser que é unha empresa de facer palés e, polo que sei, que os comprou, pero ao parecer a compra non era de todo legal. Sei que se recuperaron en Ponteareas, parece ser que había un intermediario que llos vendeu alí, e que se recuperaron o 90% deles. Canda nós chegaron os tráilers con eles, algúns viñan defectuosos, porque lles intentaran sacar as marcas do selo, que é o que marca que son os palés nosos".

O empresario que mercou os palés roubados está investigado por un susposto delito de receptación e as notas de entrega do material permitiron identificar os autores do roubo: catro veciños de Vigo e dous do Porriño de entre 22 e 56 anos, a maioría con antecedentes policiais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/04/2019