CRTVG

Buscar

Roubaban papel e cartón en Madrid para vendelo despois en Asia

Publicado o 07/02/2020 14:07

A Garda Civil e a Policía Local de Madrid desartellaron un grupo dedicado a roubar papel e cartón dos colectores do lixo para vendelo despois en Asia. Hai 28 detidos e outros 14 investigados. O Concello calcula as perdas en máis de 16 millóns de euros.

A operación comezou en xaneiro de 2019, pero había tempo que en Madrid se sabía da desaparición de grandes cantidades de papel e de cartón dos colectores do lixo.

A investigación determinou que o roubado era exportado despois a países asiáticos.

Hai 28 detidos e outros 14 investigados, case todos romaneses, pero tamén cidadáns españois e latinoamericanos. Están acusados de delitos contra o ambiente, organización criminal, roubo e branqueo de cartos.

A rede estaba en poder de once camións e tiña dividida a capital en 18 rutas distintas para o roubo de papel, cada unha delas asignada a un clan familiar.

A Garda Civil asegura que só o ano pasado roubaron 9.300 toneladas de papel e de cartón na cidade de Madrid, e calcula que as perdas desde o ano 2015 poden chegar ata os 16 millóns de euros.

Noticias web

07/02/2020