CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Roteiro polas ribeiras do Deza da fervenza do Toxa ao Mosteiro de Carboeiro

Publicado o 07/08/2014 20:54
Son moitos os roteiros que discorren polas ribeiras dos máis de cincuenta quilómetros do río Deza. Entre eles, este verán gaña afeccionados, un duns seis quilómetros que nos permite contemplar o mosteiro románico de Carboeiro ou a ermida de San Paio. Amais podemos bañarnos na praia fluvial de Carixa ata chegarmos a unha das fervenzas máis espectaculares de Galicia.









"Reconectar coa fervenza, co río... É reconectar co noso interior. Este é un sitio gratuíto. A fervenza amósasenos con todo o seu esplendor, con toda a luz e cor. O importante é que todos aprendamos a conservala, a respectala".

Ten máis de 70 metros de altura. É a fervenza máis alta en caída libre de Galicia. Atopámola ao paso do río Toxa preto da desembocadura do río Deza, no lugar de Pazos, en Bandeira, Silleda. Este espazo, de alto valor paisaxístico, forma parte do Sistema Fluvial Ulla-Deza e participa no proxecto europeo Rede Natura 2000 como Lugar de Importancia-Interese Comunitarios."

"Eu son de Madrid, estou de visita cuns amigos. É a primeira vez que veño a esta fervenza e encantoume".

"Aínda vou meter as pernas agora na auga".

"Vaste meter na auga do río? Si, si".

Á súa diversidade botánica, aproveitada polos monxes dos mosteiros de Carboeiro e Camanzo para a súa farmacopea, úneselle o marabilloso estado de conservación deste bosque atlántico con especies de clima tipo mediterráneo, con especies autóctonas coma carballos, freixos, sobreiras, loureiros ou salgueiros.

"A tranquilidade do río, a auga limpa, a tranquilidade... Deste sitio gústame todo".

"Nós, por exemplo, coa asociación Bioturmalina, facemos sobre todo en verán, pero durante todo o ano tamén, distintos roteiros por aquí, como paseos etnobotánicos e sendeirismo consciente".

A Fervenza do Toxa pode tomarse como comezo ou fin de distintos roteriros, que discorren polos 51 quilómetros do Deza, como este que vai durante seis quilómetros pola ribeira do río, no que atoparemos pontes romanas e penduradas, calzadas medievais, a Ermida de San Paio, o Balneario de Baños da Brea e a praia fluvial de Carixa, Merza, ata chegar ao afamado Mosteiro bieito de San Lourenzo de Carboeiro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

07/08/2014