CRTVG

Buscar

Rosaura Leis: "A obesidade está ligada aos niveis socioeconómicos e culturais baixos. É a maior discriminación social"

Publicado o 13/08/2019 10:48

Rosaura Leis, coordinadora da Unidade de Gastroenteroloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago e pediatra infantil e experta en nutrición pediátrica, falou este martes no Bos Días da obesidade. "Falamos dunha pandemia global porque afecta a todas as persoas, idades, países e grupos sociais", asegurou. Unha pandemia que, segundo dixo, "ten especial imporantancia na idade pediátrica. Se seguimos na liña os nosos nenos van vivir menos e en peores condicións que os seus avós".

"Cada vez temos máis obesidade, e os obesos máis graxa corporal, o que aumenta o risco de enfermidades asociadas", di Rosaura Leis quen ademais cre que non é doado concienciar, "porque un non percibe a enfermidade, porque falamos de efectos a longo prazo. É un dato importante é que unha enfermidade social. A obesidade está ligada aos niveis socioeconómicos e culturais baixos. É a maior discriminación social".

Os datos reflicten que nestes momentos España está a cabeza da prevalencia da obesidade infantil. "É moi imporante destacar que os países de Europa con máis obesidade son os do sur, España, Portugal, Italia... Estamos deixando atrás as nosas dietas tradicionais, a mediterránea ou a atlántica no caso de Galicia, que son máis saúdables e sostibles. Tamén se está abandonado a actividade física", di Rosaura Leis.

"A nosa dieta atlántica, que é de proximidade, de temporada, rica en cereiais, produtos vexeais, peixe, lacteos, é unha dieta sostible, que asegurou a lonxevidade, xunto coa mellora da sanidade, que ten Galicia nestes momentos e que é dos países con maior esperanza de vida, e iso agora está en risco, se non conseguimos que os nosos nenos fagan actividade física e manteñan unha alimentación sana" cre a doutora Leis, que apunta a cambios a longo prazo para poder murar a situación: "Os cambios nos estilos de vida hainos que facer de cara ao futuro".

E para afrontar esos cambios haino que facer desde os nenos. "O problema da obesidade na idade pediátrica é que un neno obeso ten moito máis risco de continuar séndoo na idade adulta", -sosten Rosaura Leis- e "contra isto non podemos loitar sós. No caso dos nenos haino que facer desde a familia e da escola, perto tamén desde a publicidade, os medios de comunicación, o Estado... Temos que colaborar todos para parar esta pandemia que é a principal causa de enfermidades e de mortes".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí