CRTVG

Buscar

Rosa Quintana, conselleira do Mar: "Os resultados para Galicia son cativos"

Publicado o 17/12/2020 11:26

Para a conselleira do Mar, Rosa Quintana, o acordo dos ministros europeos para as cotas de pesca do ano que vén "é bastante decepcionante, creo que se obtiveron uns resultados moi cativos para o conxunto da nosa frota".

A responsable galega lamenta "que se acreditara tan pouca sensibilidade nun ano tan especial para o sector, que foi complexo pola pandemia, que traballou con moitísimas dificultades, pero que foi quen de poñer alimento de calidade todos os días nos pratos de todos os cidadáns comunitarios, e aínda así demostrouse neste Consello de Ministros pouca sensibildiade e pouca valoración dos informes sociais e económicos achegados".

Quintana avogaba por "darlle continuidade ás posiblidades de pesca que houbo no 2020, porque ademais aínda están en xogo as posiblidades de pesca en augas do Gran Sol, estamos pendentes dun brexit...".

Asegura que "se algo en positivo teño que transmitir, é que ao final aceptaron a proposta dunha valoración dos recursos para poder flexibilizar o traspaso de cotas entre anos, e tamén a posiblidade de que en maio se avalíe de novo o estado dos datos da cigala do Cantábrico para poder abrir esta pesquería". 

A pesar da súa decepción, explica que "sigo sendo positiva e crendo que necesitamos, toda a UE, dun sectdor pesqueiro que proporcione alimentos; a UE non se pode permitir ter que recorrer a países terceiros para iso".

Quintana, por último, insta as administracións a que "traballemos para  darlle sostibilidade social e económica" a un sector pesqueiro que "deu mostras do seu esforzo e compromiso coa sostibilidade ambiental".

Noticias web

17/12/2020