CRTVG

Buscar

Rosa Quintana: "Hai que saber moi ben o que se asina co Reino Unido e non precipitarnos"

Publicado o 24/03/2021 11:22

Acordo provisional de cotas pesqueiras nas augas que España comparte co Reino Unido. Galicia é cauta. Este acordo, que lle permitirá á frota pescar ata o mes de xullo, adoptouse sobre criterios científicos. Así, segundo a conselleira do Mar, Rosa Quintana, pérdense posibilidades en relación a 2020. 

Quintana di que "este acordo segue a xerar incertezas sobre cales van ser os criterios definitivos de outorgamento desas posibilidades de pesca para este ano 2021". A conselleira do Mar entende que isto debe de ser de maneira provisional e que no acordo definitivo se teñan en conta os criteiros sociais e económicos. 

Cre que o Reino Unido tomou unha decisión equivocada cando decidiu abandonar a Unión Europea e que agora está intentando modificar unha serie de regulamentos que tiñan todos os países adoptados en acordos. Quintana subliñou que, "aínda que marchen, eses regulamentos téñenos que seguir aplicando".

A conselleira do Mar destacou que van seguir traballando de maneira leal xunto co Ministerio de Pesca. Insistiu na necesidade de poñer enriba da mesa os datos sociais e económicos da frota galega e que os criteiros científicos non son unha boa medida para o mantemento da nosa frota. Puxo como exemplo o bocarte, onde se perdeu mercado e moita frota estivo a piques de desaparecer e agora hai abundancia. 

Nunha entrevista realizada no Bos días destacou que "é necesario que o acordo definitivo non se demore moito, para que así a frota teña certezas e non inseguridades". Dixo que hai que saber moi ben o que se asina co Reino Unido e non precipitarnos.

Noticias web

24/03/2021