CRTVG

Buscar

Romeva sae do cárcere de Lledoners para traballar nunha asociación privada

Publicado o 02/03/2020 12:26
Romeva sae do cárcere de Lledoners para traballar nunha asociación privada

O ex-conselleiro de Exteriores Raül Romeva saíu por primeira vez este luns de prisión para traballar nunha asociación privada, despois de que a semana pasada o cárcere de Lledoners acordase flexibilizar o seu réxime penal mediante a aplicación do artigo 100.2.

Romeva, que cumpre unha condena de doce anos de cárcere por sedición, abandonou en coche o centro penal de Lledoners, acompañado da súa parella e outras dúas persoas da súa contorna, cara ás 11.15 horas.

De acordo coa resolución da xunta de tratamento de Lledoners, de aplicación inmediata pero que debe ser avalada polo xulgado de vixilancia, Romeva poderá saír de prisión para traballar durante seis horas, tres días á semana, de luns a venres.

O ex-conselleiro de Exteriores é o sexto dos líderes independentistas presos que saíu da cárcere grazas ao artigo 100.2, despois de que o fixesen os Jordis, a ex-presidenta do Parlament Carme  Forcadell e os ex-consellers Dolors Bassa e Joaquim Forn.

Nos próximos días está previsto que o faga o ex-vicepresidente da Generalitat e líder de ERC, Oriol  Junqueras, mentres que os ex-consellers Jordi Turull e Josep Rull están aínda á espera de que  Lledoners aprobe flexibilizarlles o réxime penal, para o que iniciaron os trámites correspondentes.

Ata o de agora, a Fiscalía opúxose á aplicación do artigo 100.2 aos Jordis e a Joaquim Forn -postura que a semana pasada defendeu no Parlament o propio fiscal superior de Cataluña, Francisco  Bañeres- e é previsible que tamén o faga co resto de políticos presos.

Á espera de que se pronuncie o xulgado de vixilancia, Romeva poderá saír da cárcere tres días entre semana, seis horas diarias, para traballar nunha asociación privada que traballa nun proxecto vinculado aos acordos de paz de Dayton que puxeron fin á guerra de Bosnia.

Tamén Junqueras sairá tres días por semana para impartir docencia no campus Manresa (Barcelona) da Universitat de Vic-Universidade da Catalunya Central (UVic- UCC).

A diferenza da clasificación penal en segundo ou terceiro grao, no que a última palabra tena o Supremo como tribunal sentenzador, os eventuais recursos da Fiscalía contra o artigo 100.2 aos políticos presos esgotaranse na Audiencia de Barcelona.