Roglic recupera a malla vermella no muro do Ézaro
A Volta agardaba con expectación o encontro co muro do Ézaro. A única contra o reloxo da proba anticipábase como decisiva para coñecer o gañador do maillot vermello. Novembro regalou un día de sol traizoeiro, frío e con vento. Obstáculos importantes nos primeiros quilómetros a carón do mar ata chegar á base do miradoiro. Aí empezaba un quilómetro e 800 metros de tortura. Tan duros que os máis dos ciclistas cambiaron de bici para se adaptar ás esixencias da estrada.
Primoz Roglic foi quen mellor se adaptou ao trazado. Soubo administrar as súas forzas ata dar unha impresión equívoca. Parecía que Richard Carapaz, ía ser quen mesmo de manter o liderado co que iniciou a xornada. Pero na ascensión o esloveno foi aumentando a diferenza co ecuatoriano. Na liña de meta sacoulle 49 segundos, que lle permiten recuperar o vermello e ver a Carapaz 39 segundos por detrás. O Ézaro tamén confirmou a aparición coma aspirante de Carthy. O gañador do Angliru está a 47 de Roglic.
O Ézaro castigou con toda a súa dureza a Enric Mas, entrou a 1,43 e xa está a 3,23 na xeral. A primeira etapa galega da Volta resultou espectacular como se agardaba. A seguinte unirá Lugo con Ourense ao longo de 205 quilómetros de percorrido.