Rodaxe en Triacastela de '3 camiños', unha serie ambientada no Camiño de Santiago
Cámaras, focos e un amplo equipo formado por unhas 60 persoas encheron de vida Triacastela. É un dos escenarios da serie 3 camiños, que se está a rodar estes días en Galicia e que está ambientada no Camiño de Santiago e transmitirá toda a súa esencia.
"Sentes o camiño dunha forma moi próxima e, tal e como o estamos rodando, invítate a facer o Camiño dunha maneira real, profunda. Eu vendo montaxes vexo escenas que digo... ese lugar quero coñecelo", sinala Norberto López, director da serie '3 camiños'
O director define a serie como unha reflexión fermosa do paso do tempo, e é que narra a historia dun grupo de amigos que se coñecen no Camiño e que se xuntan para volver facelo noutras dúas épocas diferentes. Adiántannolo dous dos seus protagonistas.
"O meu personaxe chámase Roberto, vén de México a facer o Camiño de Santiago e encontra catro persoas marabillosas", di Álex González, actor de 3 camiños.
"É como se o Camiño fose unha metáfora da vida e vivimos cos personaxes os seus cambios, os seus amores e desamores", di Verónica Echegui, actriz de 3 camiños.
A serie, que se estreará o vindeiro ano, e en que participa a Televisión de Galicia, é unha superprodución galega con proxección internacional.
"3 camiños é o gran proxecto audiovisual do Xacobeo 2021. A Xunta financia o proxecto con 1,5 millóns de euros e temos a sorte de contar cunha produtora galega de referencia como Ficción Producciones e dar un salto internacional a través de Beta Film e Amazon Prime", sinalou Román Rodríguez, conselleiro de Cultura.
A serie proxectarase a través de Amazon en preto de 200 países e axudará así a fomentar e difundir o espírito e os valores do Camiño de Santiago.