Rocío Seijas, nova alcaldesa de Monterroso
Tras un ano convulso na corporación municipal, os Independentes por Monterroso recuperan a alcaldía da man de Rocío Seijas. Gobernarán en maioría tras o pacto de goberno co Partido Popular.
"Había que buscar un consenso si ou si porque Monterroso necesita estabilidade", manifestou a nova alcaldesa, Rocío Seijas.
"Para sacar adiante proxectos que saquen ao pobo do estancamento", engadiu o seu socio de goberno, o popular Eloy Pérez.
Os socialistas tamén presentaban candidatura, pero liderarán a oposición.
"Faremos unha oposición crítica pero constructiva", di Rafael García, voceiro municipal do Psdeg-Psoe.
A nova corporación tomaba posesión tras a renuncia do anterior rexedor, Antonio Gato, un histórico do PSdeG, pero que nesta lexislatura chegaba á alcaldía liderando a lista de Independentes por Monterroso.
Comezaba o seu mandato con polémica, tras conseguir o cuarto concelleiro por tan só un voto de diferenza co seu anterior partido, os socialistas.
Un mes despois rompía co seu propio grupo e pasaba a gobernar en minoría a través de decretos.
Hai tres semanas deixaba o camiño libre á nova corporación.