Roberto García: "Necesitamos que a xente aposte por produtos galegos"
O sector agrogandeiro tiña as súas reivindicacións na rúa no momento en que nos golpeou a COVID-19. Agora mira con incerteza a saída. Roberto García é o secretario xeral de Unións Agrarias.
"O sector agrogandeiro non parou o traballo, malia o risco sanitario. Era o noso deber que non houbese desabastecemento. En ningún momento aproveitamos a maior demanda para tratar de aumentar as nosas marxes de beneficio".
"É certo que había moito produto que ía especificamente á restauración do sector vitivinícola, do sector do vacún de carne... que se está resentindo".
"Vemos con preocupación que un sector moi potente no consumo en España como o turismo se vai ver minguado".
"Queremos concienciar o consumidor para que, cando vaia ao supermercado, aposte por produtos de orixe galega e española e queremos que as autoridades actúen con contundencia para que non se aproveite a entrada de produtos foráneos facendo trampas e vendendo máis barato porque teñen un problema de excedente".










