CRTVG

Buscar

Roberto García, UUAA: "Cando un quilo de polo está a 2,49 ou un litro de leite a 0,58 é imposible que haxa marxe para a industria e o produtor"

Publicado o 19/02/2020 09:44

Aquí en Galicia, o sector agrario ten convocada hoxe unha protesta diante da Delegación do Goberno da Coruña.

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, confirmou que o delegado do Goberno os recibirá contra as doce e media do mediodía. Nunha entrevista en directo no 'Bos Días' explicou que agora mesmo hai industria comprando por debaixo do prezo de custo: "Non debería ser legal, pero neste momento en moitas producións estase producindo esa situación, especialmente en explotacións gandeiras. Deberíase tipificar como delito para que se poida sancionar".

"A presión cando negocia un produtor coa industria é moi grande porque se trata de produtos perecedeiros, e se non acepta o prezo que lle ofrecen ten que tiralo e iso fai que se vendan por debaixo de custos de produción. E a distribución vende a eses prezos para gañar diñeiro. Cando hai un quilo de polo a 2,49 ou un litro de leite a 0,58 é imposible que haxa marxe para a industria e o produtor", asegura Roberto García.

"Hai que diferenciar os produtos de horta e frutais, o principal problema que teñen son as marxes abusivas, que poden chegar ao 600 por cento. Mentres que no sector da gandeiría os prezos están taxados por arriba", explicou o responsable de UUAA.

"Non pretendemos que un consumidor pague máis, senón que o que pague se reparta de forma máis xusta. O que estamos defendendo é que o agricultor teña unha renda digna que lle permita vivir no rural".

"Un dos problemas son os custos de produción, e é nesaria unha mesa autonómica para poñer terras a traballar. En Galicia temos 600 mil hectáreas abandonadas. E tamén outros problemas como os danos do xabaril".

"Outro problema é a como vendemos. Necesitamos unha marxe de beneficio. Un agricultor ou un gandeiro non é unha ONG ten que poder gañar diñeiro".

Noticias web

19/02/2020