CRTVG

Buscar

Roberto García: "Aumentar o número de batidas non é suficiente para controlar o xabaril"

Publicado o 23/09/2019 10:17

Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, estivo este luns no estudio do Bos días para falar da problemática do xabaril no agro galego: "Durante moito tempo, os agricultores e gandeiros foron os principais damnificados, pero hai tal número de xabarís no territorio que hoxe en día calquera cidadán normal que transita polas estradas ve como cada día tres accidentes se producen por culpa do xabaril, e nas explotacións de porcino ven con preocupación que este animal poida ser un vector de transmisión da peste porcina".

Desde Unións Agrarias denuncian o incemento sen control da poboación deste animal, do que nin sequera se sabe cantos hai: "O número exacto non, porque non hai censo recente feito, pero segundo os estudos e científicos, podemos estar falando entre 175 ou 200.000, moitos máis dos que o territorio e as persoas somos capaces de xestionar sen conflito".

O sindicato agrario presentou unha proposta para que se cambien as fórmulas de control da poboación do xabaril: "O que nestes momentos temos que reflexionar é que as medidas que se estiveron tomando non funcionaron. Delegar a xestión do xabaril unicamente nos coutos de caza non funciona. Coa iniciativa que presentamos queremos mudar esa dinámica: reducir de forma substancial o número de xabarís que hai en Galicia, indemnizar os danos que se causan, pero sobre todo que non acabe sendo un perigo para a circulación ou as persoas".

Para Unións Agrarias esas medidas pasan por outro modelo porque "aumentar o número da batidas non chega,-di Roberto García-. É necesario cambiar o modelo. Ver que se fai durante a etapa de veda. Dotar de cazadores profesionais onde non haxa agricultores e gandeiros que xestionan coutos. Pero sobre todo saber cal é o número total de animais que pode asumir o territorio para acometer unha redución substantiva".

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí