CRTVG

Buscar

Rivera propón unha abstención ao PP para permitir que haxa lexislatura póndolle condicións a Sánchez

Publicado o 16/09/2019 21:20

Ciudadanos abre por primeira vez a porta a abstérense para deixar gobernar a Pedro Sánchez. A cambio, Albert Rivera pídelle ao socialista 4 compromisos: que rompa cos nacionalistas en Navarra, a aplicación do 155 en Cataluña se a Generalitat non acata a sentenza do procés, que non haxa indultos para os presos independentistas e o compromiso de non subirlles os impostos ás familias e as cotas aos autónomos.

Rivera admite que é unha proposta ao límite ante a incapacidade de Sánchez, di, de acordar con Podemos. Albert Rivera, presidente de Ciudadanos, cre que "isto pódese resolver non en 24 horas, senón en 30 segundos se Sánchez di si a ese goberno constitucionalista en Navarra, se di si a ir xuntos en Cataluña e non aplicar os indultos e se di si ás familias e aos autónomos españois".

O Goberno en funcións cre que as condicións xa se están cumprindo e non hai, polo tanto, razóns para que a dereita bloquee a investidura. Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións, di que "cando un escoita a proposta do señor Rivera non hai ningún obstáculo real para que o Partido Popular e Ciudadanos se absteñan, que é o que lles vimos pedindo desde o 28 de abril, unha abstención técnica, sen ningún tipo de apoio"

Rivera reuniuse esta tarde con Pablo Casado para sumar o PP á iniciativa. Pablo Casado, presidente do PP,  di que "veremos que pasa mañá. En todo caso, temos a cabeza moi alta de estar á altura das responsabilidadedes e de buscar sempre o ben xeral de España por riba do ben do noso partido".

Unidas Podemos atribúe a proposta de Ciudadanos á súa desesperación ante as malas perspectivas electorais. E lanza está mensaxe a Sánchez. Yolanda Díaz, de Galicia en Común, cre que "se o señor Sánchez quere abrirlle a porta a Ciudadanos, el terá que despexar esa incógnita. Nós o que temos moi fresco é , na noite electoral, os cidadáns que berraban en Ferraz, 'con Rivera, non'".

Unidas Podemos lamenta que Sánchez lle dedicara máis tempo a reflexionar sobre a proposta de Rivera que á súa última oferta, pero din que aínda hai tempo para o acordo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí