CRTVG

Buscar

Casado e Rivera dispútanse o centrodereita cun duro enfrontamento

Publicado o 23/04/2019 23:55

Tras o primeiro enfrontamento este luns na cadea pública os líderes do PSOE, Pedro Sánchez; PP, Pablo Casado; Ciudadanos, Albert Rivera, e Unidas Podemos, Pablo Iglesias, volven protagonizar este martes un debate a catro que será útil para captar o voto indeciso cando só faltan cinco días para as eleccións xerais.

Cada partido deu o seu candidato como gañador e ve a cita desta noite como una nova oportunidade para seducir os indecisos. O debate comezou cunha pregunta para cada candidato, para, posteriormente, comezar con cada un dos diferentes bloques: pensións, impostos, vivenda, inmigración, aborto e eutanasia, violencia machista, educación e sanidade.

Pablo Casado, PP

O candidato do PP, Pablo Casado, acusou a Pedro Sánchez de ser como unha 'matrioska', unha boneca rusa, con partidos como Podemos, independentistas cataláns e Bildu dentro, e advertiuno sobre Arnaldo Otegi, ao dicir que "unha persoa experta en secuestros é capaz de pedir rescate a cambio de todo".

En resposta á primeira pregunta no debate sobre os pactos postelectorales, recriminou a Ciudadanos o perder "a oportunidade" de optimizar esforzos nun voto unido, ao rexeitar un acordo antes das eleccións, e asegurou que o seu partido é o único que non pactou con Sánchez.

Casado mostrouse disposto a acordar un goberno tanto con Ciudadanos como con Vox, aínda que pode ser a través dun pacto de investidura ou de lexislatura, por iso dixo que haberá que preguntarlle á formación que preside Santiago Abascal se vai estar disposto a apoiar un goberno do PP.

Insistiu en que o necesario é dar estabilidade ao goberno despois dos últimos anos de inestabilidade a causa do multipartidismo e situou o PP como "a única alternativa" a un executivo de Pedro Sánchez.

Casado, que recalcou que o consentimento está regulado no Código penal desde 1822, saíu en defensa da candidata do PP Cayetana Álvarez de Toledo sobre o consentimento expreso nas relacións sexuais e dixo que estivo "perfectamente" cando expuxo a súa postura. Con todo, o xefe do Executivo reprochou ao PP que non se pode "frivolizar" sobre as agresións sexuais.

Pedro Sánchez, PSOE

O presidente Pedro Sánchez comprometeuse cos dous millóns de autónomos que hai no país para facer que "coticen polos ingresos reais que teñan". Fronte ao candidato de Ciudadanos, Albert Rivera, que no debate de onte en RTVE se presentou como o máximo defensor dos traballadores autónomos, Sánchez adquiriu este martes este compromiso, tras enumerar as medidas que xa adoptou para que estes teñan maior protección. O candidato do PSOE prometeu tamén reforzar a loita contra a precariedade e aprobar un novo Estatuto dos Traballadores, mentres que Rivera defendeu que o mercado laboral actual está "obsoleto" e que hai que cambialo e establecer un contrato único.

Tamén negou de forma rotunda, ante Pablo Casado e Albert Rivera, ter pactado nunca cos independentistas e remarcou que a súa cusación é "falsa".

Tamén advertiu que non ten entre os seus plans pactar con Ciudadanos, mentres que Pablo Casado advertiulle de que teña coidado con Arnaldo Otegi, que ofreceu os seus votos ao PSOE, e é un "experto en secuestrar".

Pablo Iglesias, Unidas Podemos

O candidato de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, insistiu este martes en que a súa prioridade é entrar nun goberno cos socialistas despois das eleccións e dixo que "o primeiro será acordar un programa, antes de falar de ministerios".

Á pregunta de se esixirá ministerios para apoiar un goberno de Pedro Sánchez dixo que "o razoable" é buscar acordos para traballar xuntos. Tamén afirmou que as eleccións xa non van só de vencer senón de "convencer" o resto de partidos, como na súa opinión demostra que nin Inés Arrimadas nin Susana Díaz puideron gobernar nas súas respectivas autonomías -Cataluña e Andalucía- a pesar de quedar primeira forza. Pablo Iglesias tamén dixo que "imos ver quen gana", cando lle preguntaron se apoiará un goberno do PSOE, xa que, ironizou, "quen entra na curia como papa acaba saíndo como cardeal.

Albert Rivera, Ciudadanos

O candidato de Ciudadanos á presidencia do Goberno, Albert Rivera, sacou, no primeiro bloque do debate, unha copia da tese de doutoramento do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para acusalo de mentir, e este respondeulle regalándolle o libro do presidente de Vox, Santiago Abascal, "para que coñeza as formulacións políticas dos seus aliados".

"Trouxen un libro que vostede non leu, é a súa tese de doutoramento", dixo Rivera, sacando a colación a festividade de Sant Jordi e Día do Libro, que se celebra o 23 de abril. O líder de Ciudadanos chegou a poñer o exemplar sobre o atril de Sánchez e mencionou que un software antiplaxio detectou no texto un nivel de plaxio do 21 por cento. "Lea o de Abascal", respondeulle Sánchez, entregándolle o libro que este escribiu con Fernando Sánchez Dragó, mentres Rivera lle dicía que o vía "nervioso".

"Non quere que digamos que pactou cos independentistas ou que ten unha tese que é mentira, que xulguen os cidadáns que nos ven se mente ou non mente", subliñou.

Casado e Rivera dispútanse o centrodereita cun duro enfrontamento

Os líderes de PP, Pablo Casado, e o de Ciudanos, Albert Rivera, disputáronse este martes os votos de centrodereita ao protagonizar un duro enfrontamento sobre diversas cuestións, como as pensións, os impostos, ou a eutanasia. Se no debate de onte en RTVE Casado evitou confrontar con Rivera, a quen ve como o seu posible socio de Goberno fronte ao "adversario" Sánchez, hoxe non eludiu replicar ás críticas do líder da formación laranxa, que se proclamou o "presidente das familias". Un ámbito en que Casado se erixiu varias veces en defensor, así como na rebaixa fiscal, polo que rexeitou as críticas de Rivera nesta sentido.

Mesmo ambos se encerellaron nunha pequena liorta ao chegar ao tema da vivenda. Pero, ademais, Rivera lanzou a Casado o reto de chegar a un acordo para regular a eutanasia porque "a dor non entende de ideoloxías nin a caridade tampouco", advertiu ao líder do PP, ao que avisou de que se quere chegar a acordos no Parlamento hai que regulala. A Casado non lle fixo graza que o líder da formación laranxa introducise este tipo de cuestións "morais" para "rascar uns cantos votos" e asegurou que o PP xa foi "pioneiro" en regular a morte digna nas comunidades de Madrid, Galicia e Castela e León.



Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/04/2019