Ritz salva da quebra a Barreras no último minuto
O estaleiro Barreras salva o concurso de acredores no último segundo da conta atrás. A empresa Ritz enviou o acordo de financiación ao Xulgado do Mercantil 3 de Pontevedra, pero aínda non se coñece a letra pequena. Ademais presentou un contrato marco de reestruturación, Deste xeito pretende consolidar a sociedade, tanto a curti como a medio prazo, asegurando a súa viabilidade.
Xunto á solicitude de homologación do devandito acordo acompáñase un contrato marco de reestruturación co que se pretende modificar os termos e condicións do contrato de construción naval; os prazos de amortización adaptados á construción do ' Evrima'; o financiamento adicional concedido polo armador, Ritz Carlton, e o incremento do prezo pola construción do buque. Unha vez admitida a solicitude a trámite, explican as fontes, darase publicidade á mesma na forma legalmente establecida e, posteriormente, outorgarase a homologación se o acordo é conforme á lei coa extensión de efectos que corresponda.
As empresas auxiliares agrupadas en Uninaval, unha plataforma auspiciada pola patronal galega do metal, Asime, e que aglutinan o 75 % dun débeda de 25 millóns de euros, comprometéronse pola súa banda a non exercer ese dereito nun prazo de tres meses, que é o tempo que lles pediu o estaleiro.
A dirección de Barreras propuxo ás auxiliares, unha vez executado o refinanciamento e coa posibilidade de retomar a actividade nas súas bancadas, un calendario de pagos que permita "compasar o pago de facturas xa emitidas e os traballos pendentes para finalizar os barcos en construción".
Está por ver que fará Pemex, que segue sendo o accionista maioritario cun 51 % dos títulos.
A semana pasada o director xeral da petroleira estatal mexicana, Octavio Romero, reclamou que o estaleiro vigués lle abone 13 millóns de euros, os 5,1 que pagou polas accións máis outros 8 que puxo como garantías para construír o 'Evrima', o mini cruceiro de luxo de Ritz Carlton a medio facer nas bancadas de Beiramar.
Esta esixencia contradise co principio de acordo que as partes anunciaron en decembro, segundo o cal Ritz Carlton facíase co control de Barreras ao cederlles Pemex e Albacora, que suman o 75 % dos títulos do estaleiro, os seus dereitos políticos, sen que iso implique que o consorcio hostaleiro entre no accionariado.
Barreras entrou en preconcurso a comezos de outubro, días despois de que fosen destituídos o presidente do estaleiro, José García Costas, e dous altos directivos.
Un mes máis tarde, solicitou a disolución xudicial da sociedade e a suspensión do procedemento polo desfasamento patrimonial que arrastra, ao redor dos 50 millóns de euros.
Con esta medida, de carácter reversible se cesaba a causa da disolución, Barreras asegurouse aprazar a entrada do estaleiro en concurso de acredores.
Apenas uns días despois, Ritz Carlton anunciou que asumía o sobrecusto da construción do primeiro mini cruceiro de luxo que encargou a Barreras, ao redor de 70 millóns de euros.
Nesa comunicación sinalaba tamén que mantiña o contrato, asinado en maio de 2019, para a construción dun buque xemelgo ao 'Evrima'.
De momento non hai comunicación oficial sobre os outros buques que Barreras tiña en carteira, dúas para a navieira norueguesa Havila e un ferry para as canaria Armas.
Sergio Gálvez, o presidente do comité de empresa explica, no Bos días como está a situación nestes momentos e considera que é unha "boa noticia" que desbloquea situación que había; unha situación detro do estaleiro casi ilegal, que non era produtiva, non era executiva, e a partir de hoxe, no momento en que o xuíz decida se é favorable ou non, imaxino que se comezarán a tomar xa decisións para o día a día, que é o que sempre nos preocupou a nós".
Aínda que a nova composición accionaral non transcendeu, a posibilidade de que Ritz-Carlton se faga co control de Barreras a través da cesión dos dereitos de voto por parte de Pemex, que ten un 51% de participación, cumpre as expectativas da plataforma que agrupa ás empresas auxiliares, Uninaval. Consideran que este movemento supón un primeiro paso para salvar todos os contratos.
A Xunta celebra o acordo, pero lembra que aínda "queda por percorrer o camiño máis difícil"
A Xunta de Galicia celebrou este luns o acordo de refinanciamento que lle permitirá ao estaleiro vigués Hijos de J. Barreras eludir o concurso, pero advertiu de que aínda "queda por percorrer o camiño máis difícil" para garantir a viabilidade futura da empresa, e insistiu en que apoiará ao estaleiro se ten ese proxecto de futuro "máis alá da construción dun barco concreto". Así o trasladou, a preguntas dos medios, o vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, quen sinalou que o acordo presentado 'in extremis' no xulgado Mercantil é unha "boa noticia", en tanto que permite salvar "un momento crítico".
Rueda matizou que Barreras está agora "no principio da solución", pero "queda un camiño longo" no que "o que importa é a viabilidade", máis alá de que se acabe o buque Evrima, propiedade da naviera de Ritz Carlton (Cruise Yacht 1 Ltd). Segundo o vicepresidente do Executivo autonómico, "a Xunta vai estar na solución" se existe ese proxecto de futuro e, de feito, incidiu, é a única administración que xa apoiou economicamente aos axentes implicados, neste caso, á industria auxiliar (con créditos concedidos por máis de 10 millóns de euros).
"O primeiro 'round' está salvado (...), pero queremos unha solución que valla para o futuro", incidiu Alfonso Rueda.
Abel Caballero censura a "ausencia total" do Goberno galego na crise
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, constatou que, grazas ao paso dado nas últimas horas, "evitouse o desastre", pero criticou que o acordo tivo como "actores" públicos ao Goberno de España e ao CESCE, e non á Xunta, cuxa "ausencia" é "total". "Isto é un drama. Que a Xunta, que tan preocupada parece nalgúns procesos industriais doutras partes de Galicia, non presta a máis mínima atención á crise de Barreras, o estaleiro civil máis importante de Galicia, ao que a Xunta parece nin coñecer", censurou o rexedor.
Caballero lembrou que, cando se fraguou a entrada de Pemex no accionariado de Barreras, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, "estaba todo o día metido en Barreras" e agora "parece que non existe" o estaleiro para el.