CRTVG

Buscar

Ritz Carlton confirma o acordo para tomar o control de Barreras

Publicado o 02/12/2019 15:10

• A Xunta pide transparencia sobre un acordo que "descoñece"


 

Ritz Carlton confirma o acordo para tomar o control de Barreras

Ritz-Carlton fai oficial o pacto polo que poderá tomar o control do estaleiro vigués Barreras. Prothero, matriz da cadea hoteleira norteamericana, selou un principio de acordo cos principais accionistas: PEMEX e Albacora. Unha solución que vai priorizar a volta á actividade do estaleiro. Deste xeito, remataríase o transatlántico de Ritz- Carlton, outros barcos viables e apostaríase por novos proxectos. Un pacto que supón un respiro para os traballadores de Barreras e para as empresas auxiliares.

A Xunta pide transparencia sobre un acordo que "descoñece"

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reclamou "transparencia" aos accionistas de Barreiras e a Ritz Carlton, que se fará cargo do control do estaleiro en virtude dun principio de acordo con Pemex e Albacora cuxo contido, dixo, "descoñece" a Xunta. "Precisamos que os accionistas e Ritz Cartlon sexan transparentes na xestión deste conflito", reivindicou Conde en declaracións aos medios.

Asegurou que na administración galega non coñecen "ningún dato sobre a situación do estaleiro", como tampouco "o contido da auditoría sobre a situación de cada un dos proxectos", nin "o alcance real dos diferentes acordos que se están adoptando". Conde recalcou que a Xunta "ten claro que só hai un camiño: garantir a viabilidade do estaleiro a longo prazo", o que "debe concretarse na carga de traballo que actualmente ten contratado o estaleiro" con Ritz Carlton, Havila e Naviera Armas. O conselleiro abundou en que o consorcio estadounidense debe aclarar se "vai desenvolver toda a carga de traballo" comprometida e "se vai adquirir o compromiso dun segundo e terceiro cruceiro", porque "sen esa información non podemos facer valoracións" sobre o preacordo con Pemex e Albacora.

"Precisamos que os accionistas asuman as súas responsabilidades e que sexan transparentes na información, e que calquera tipo de acordo póidase transmitir con tranquilidade para identificar se hai solución a longo prazo", profundou. Conde insistiu en que se debe "falar de proxectos concretos non leva a unha solución integral" que satisfaga ao estaleiro e aos seus traballadores, así como ás auxiliares, que é, dixo, o que pretende a Xunta.

O secretario xeral da patronal galega do metal Asime, Enrique Mallón, saudou o preacordo de Ritz Carlton, que permite "salvar o match ball" do primeiro mini cruceiro de luxo que constrúe en Barreiras. Agora ben, dixo estar expectante sobre a maneira en que este preacordo garantirá o resto da carga de traballo que ten Barreiras en carteira, que é o que reclama Asime, igual que a Xunta.

O secretario xeral de Asime trasladou o compromiso das empresas auxiliares de "volver ao traballo" en Barreras, "obviamente cobrando os créditos atrasados dalgunha maneira, ou polo menos garantíndoos". Indicou por último que se mantén en pé o ofrecemento destas auxiliares, agrupadas na sociedade Uninaval, de participar no accioniariado de Barreiras.O

O presidente do comité de empresa de Barreiras, Sergio Gálvez, valorou que se este preacordo serve para que o estaleiro "se poña en funcionamento" xa é "unha moi boa noticia". Agora ben, recalcou que manter a totalidade da carga de traballo de Barreras é "fundamental" para a viabilidade futura do estaleiro. Gálvez agarda a que a empresa convoque ao comité de empresa para que lle traslade "que plan de negocio poñerá sobre a mesa" cales serán as súas liñas mestras, e espera que a próxima vez poidan "ter noticias pola empresa, non pola prensa". 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/12/2019