Ríos desbordados en Lugo e Ourense pola intensa chuvia das últimas horas
Publicado o 11/02/2021 14:30
É a imaxe este xoves do encoro de Belesar, entre Chantada e O Saviñao. Tras a intensa chuvia dos últimos días, está case ao máximo da súa capacidade, e foi necesario abrir algunhas comportas.
En Monforte caeron 34 litros de auga por metro cadrado en 24 horas, que provocaron pequenas inundacións na zona do Club Fluvial. E mesmo rompeu parte do muro de contención do río Cabe. Ademais, o paseo do Miño en Lugo permanece pechado pola enchente do río.
A acumulación de chuvia tamén provocou o desbordamento doutros ríos en Ourense. Entre eles, o Miño, ao seu paso pola cidade, ou o Támega en Verín, no que a Xunta mantén activado o plan de risco de inundacións.